Forman á Policía Local en excarcelación de vehículos e auxilio de vítimas de accidente de tráfico
Estrada a primeira práctica do curso, que simulará un accidente real con coches traídos dun despezamento
REDACCIÓN. SANTIAGO
A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) está a impartir por primeira vez na súa historia un curso de intervención en accidentes de tráfico dirixido aos corpos da policía local de Galicia. O obxectivo desta actividade, na que tamén colabora a Deputación Provincial da Coruña, é optimizar a formación deste corpo no que se refire ao salvamento e recuperación das persoas que sofren danos como consecuencia dun accidente de tráfico.
Neste sentido, o curso abrangue o rescate das vítimas e o auxilio de modo inmediato, cunhas primeiras accións de reparación de danos sufridos; así como a preparación para o traslado e transporte dos accidentados que o requiran aos centros hospitalarios na forma mais adecuada e conforme á gravidade das lesións.
O curso é de carácter eminentemente práctico e nel os axentes aprenderán as técnicas necesarias para reaccionar ante un eventual accidente de tráfico, dende como estabilizar os vidros do vehículo para causar o menor dano posible a como sacar a unha vítima atrapada con todas as precaucións.
É de destacar que estas primeiras actuacións son fundamentais no éxito da intervención, polo tanto o curso é de gran utilidade para os axentes sobre todo se temos en conta que a policía local é o corpo de seguridade mais próximo ao cidadán e case sempre son os primeiros en chegar ás emerxencias acaecidas nos concellos.
Cursos en Carballo, Ferrol e Boiro
O curso de excarceración terá tres edicións descentralizadas, en Carballo, Ferrol e Boiro, coa intención de acercar así a formación aos profesionais e causarlles os menos trastornos posibles. Cada curso consta de 20 horas e está dirixido a un máximo de 25 alumnos en modalidade presencial e horario de tarde, de 17.00 a 20.45 horas.
A primeira destas tres edicións é a de Carballo, que xa deu comezo o pasado 13 de setembro e finalizará mañá martes -27 de setembro- coa realización da parte práctica na sede da Agasp, na Estrada. Pola súa banda, a edición de Ferrol terá lugar o 18, 20, 25, 27 de outubro, cunha práctica final o 2 de novembro; e a edición de Boiro será o 8, 10, 15, 17 de novembro e a súa correspondente práctica o día 22 de novembro.
En cada unha destas xornadas finais, que terán lugar na sede da Agasp, os policías realizarán as prácticas in situ, simulando un accidente de trafico. Para o seu desenvolvemento, os alumnos contarán con coches traídos desde un despezamento e co apoio dun equipo de excarceración de protección civil do Concello da Estrada, co obxectivo de que a situación se simule de xeito moi real e polo tanto moi efectivo para a súa formación.
Dende a Agasp e a Deputación Provincial da Coruña apóstase por unha formación de calidade, poñendo a disposición dos alumnos todos os medios técnicos e materiais precisos para que a formación recibida teña o compoñente práctico necesario na adquisición de coñecementos.